Comentarios
A táboa preséntase como un interrogante. Asistimos, coma nunha obra de teatro, a un momento importante, grave na vida das nove personaxes femininas e o espectador, a pesar da súa curiosidade, só pode limitarse a observar a escena como un simple voyeur.
As nove figuras están sentadas arredor dunha mesa, dispostas para un banquete. Destaca a dama, desprazada cara á dereita, que mantén un xesto como avergoñado. Sobre ela, neste momento interrompido e conxelado, centran a súa mirada e atención no resto de comensais, nunha actitude entre a crítica e a reprobación.
Na obra, realizada en tons azuis e carmín, reálzase a figura illada ataviándoa cun vestido dun ton vermello intenso, sen renunciar con esto ó concepto de escena barroca e popular, chea de personaxes que comparten e expoñen en público as súas penas, nun mundo gregario e familiar onde dificilmente existe o individualismo.
O estilo decorativo do autor faise visible na ornamentación do vestiario feminino, nas teas que outorgan vistosidade e elegancia ás figuras creando unha escena chea de encanto que remite a un mundo persoal de inxenuidade e beleza.
EXPOSICIÓNS:
"Virxilio". 1981. Sala de Exposicións de Caixaourense, Vigo.