Comentarios
A contemporaneidade do papel de periódico serve como base para que o autor despregue a súa particular visión do mundo, do seu contorno próximo, que é Vigo, cidade atlántica, dinámica e cambiante.
O porto olívico preséntase sobre o fondo impreso que lle outorga un carácter diferencial, innovador, superando o tratamento convencional do tema. Semioculto pola atmosfera gris líquida, opaca, que se estende coma unha bruma pesada, a visión do peirao altérase coa disposición do cableado que introduce o compoñente da modernidade. A proximidade do núcleo urbano, do espacio densamente poboado reforza a impresión de profundidade convertendo a zona portuaria nun escenario de confusións onde os mastros, as embarcacións, a arquitectura conforman un todo de ritmos envolventes.
A obra goza da precisión da pincelada que discorre sobre o soporte beneficiándose do xogo de manchas, do xesto medido que impón un ritmo rápido, dinámico, case desaliñado. O cromatismo neutro de grises e brancos inunda toda a peza seducindo cunha mirada irreal, transparente e, ó tempo, chea de forza e de luz onde as ondas cariñosas da auga brillan nunha paleta de prateados acompañados pola calidez de amarelos e rosados que ofrecen esa permanente sensación de luminosidade barutada pola néboa.