SERÁN E SONO
- INV:
- 3347
- Año de creación:
- 1979
- Dimensiones:
- 114 x 162 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre lenzo
Comentarios
Gañadora da medalla de prata na Bienal de Arte de Pontevedra de 1979, a obra pertence á serie das Pedras, iniciada en 1976, na que o artista xera un mundo místico onde a materia inorgánica se humaniza, os minerais transmiten sentimentos, simulan presenzas e alentos de seres vivos.Dúas monumentais figuras repousan nunha paisaxe idílica, nun espazo onde non existe o tempo. O seu aspecto ríxido e pétreo contradí coa calidez do xesto ao descansar unha sobre a outra para representar o acougo, a somnolencia e a tenrura.
Os corpos rochosos vístense de luz para fundirse co contorno, creando ao seu arredor un máxico halo luminoso que realza as súas siluetas de perfís definidos. As morfoloxías leitosas non son planas, adquiren volume grazas ás sombras, á pincelada breve e descritiva que lles confire vida.
Como sinala Francisco Pablos o “fondo musical” convértese nun factor clave de comunicación, de soporte espiritual. A paleta desprega un ritmo cromático medido que vai dende os máis fríos ata os cálidos, dende o verde intenso da natureza que se torna en amarelo solar para revelarse, finalmente, en fogo crepuscular, en metáfora que anuncia o lento falecer do día.