Afundación, ABANCA e o Concello de Camariñas inauguran «Castelao grafista (facsímile)»
O Concello de Camariñas, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, inauguraron hoxe, no Museo Man de Camelle, a mostra «Castelao grafista (facsímile)». O acto institucional contou coa presenza do concelleiro de Urbanismo e Primeiro Tenente de Alcaldesa do Concello de Camariñas, Sergio Caamaño; do director da oficina de ABANCA en Camariñas, David López; e da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
A exposición «Castelao grafista (facsímile)», incluída no programa «Corrente cultural», poderase visitar ata o 30 de agosto no Museo Man de Camelle, de mércores a domingo en horario de 10.30 a 14.30 h.
A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»
Afundación homenaxea o insigne político rianxeiro con esta mostra desde o ano 2020, exposición conformada por fondos procedentes das coleccións de arte ABANCA e Afundación, producida pola Fundación Torrente Ballester e incluída no programa «Corrente cultural», proxecto desenvolvido en colaboración con ABANCA e os diferentes concellos galegos.
A exposición componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.